Caixa de ferramentasOutras linguas
|
Wikipedia:Cinco piaresTodas as políticas oficiais de Wikipedia deben basear os seus principios en cinco piares que definen o carácter da enciclopedia: A Wikipedia é unha enciclopedia que abrangue elementos das enciclopedias xerais, das enciclopedias especializadas e dos almanaques. Wikipedia non é un dicionario, nin unha colección de textos orixinais, nin unha máquina de propaganda, nin un xornal, nin un servidor gratuíto, nin un provedor de espazo web, nin un conxunto de páxinas autopromocionais, nin un experimento sobre a anarquía ou a democracia, nin un directorio de ligazóns. Tampouco non é o lugar para expresar opinións, experiencias ou argumentos; tódolos editores deben impedir que Wikipedia se torne nunha fonte primaria e deben esforzarse por conseguir a exactitude nos artigos. A Wikipedia pescuda o punto de vista neutral, o que quere dicir que os artigos non deben promover un punto de vista particular. É pois necesaria a presentación dos diversos puntos de vista sobre un tema, que se debe facer de forma precisa e contextualizada. Implica igualmente citar fontes reputadas sempre que sexa necesario, sobre todo en casos relacionados con temas controvertidos. Ningún punto de vista debe ser presentado como o "verdadeiro" ou o "mellor". A Wikipedia é unha enciclopedia de contido libre de xeito que todo o texto está dispoñible baixo a licenza de documentación libre GNU (GFDL). Isto significa que Wikipedia se pode distribuír e ligar. Deberá vostede aceptar que calquera modifique en calquera intre e sen avisar os seus artigos e que ninguén os vixiará. Calquera texto co que contribúa poderá ser editado e redistribuído, e ningunha persoa é a propietaria dun artigo. Non incorpore materiais con dereitos de autor nin traballos cunha licenza incompatible coa GFDL. A Wikipedia posúe unhas normas de conduta: respecte os seus compañeiros wikipedistas incluso cando non estea de acordo con eles. Compórtese civilizadamente. Evite os ataques persoais e as xeneralizacións. Mantéñase calmo cando se crispen os ánimos; evite as guerras de edicións; recorde que existen aproximadamente 38,019 artigos na Galipedia cos que pode traballar. Presupoña a boa fe, e non modifique a Wikipedia para respaldar os seus argumentos. Non empregue monicreques para apoiar determinadas posicións, insultar ou para participar en votacións. A Wikipedia non ten regras fixas alén dos cinco principios básicos aquí enunciados. Sexa afouto creando, trasladando e modificando artigos, porque a satisfacción de editar reside en que non é necesario acadar a perfección na primeira vez. Non se inhiba de editar por temer colocar as cousas de pernas para o ar. Tódalas versións anteriores dos artigos quedan gardadas nun historial, así que non hai forma de que se poida estragar por accidente a Wikipedia ou de destruír o seu contido irremediablemente. Mais lembre: todo o que aquí escriba será preservado para a posteridade. |